reveladorA

13.3.10

Fronteira

Porta

As Caixas contiñan a Delimitación


e pola súa natureza foron refuxio de extraperlistas

cemiterio de amantes e punto de fuga

o xogo do escondite

entre botellas de refrescos reutilizables

sen falalo, sabíamolo. bandeiras. estandartes
para os inseguros


xuntas pasamos por onda elas centos de veces

recitando nomes tamén

-doutras formas, pero ao fin-

Delimitadores:

ríos, sistemas montañosos, climas

capitais, orografías difusas

-quen sabe onde era que se tornaban verdadeiras

e para cando iso acontecese

ningunha de nós viviría xa alí-


lu facía fotos para os meus oídos

lu recordaba con detalle a roupa do primeiro día

lu sabía máis cousas porque tiña irmás maiores


os marcos para a reconstrucción, hoxe

ensúcianse como a pel das maos moureando

en clase de manualidades

pinguiñas de auga de barro batendo contra chan

olas deliciosas entre os mesmos dedos que apreixan

unha anguía baixo a ponte cando está a marea

baixa


un día ao chegar ás Caixas, lu sentenciou

aquí acaba Galicia

asentindo apagamos outra volta o interruptor

como diariamente

en silencio as tesoiras, de vagar o idioma noso

confortadas a unha pola outra

como cando aprendemos a andar na bici

apoia o brazo aquí

nosoutras tamén somos capaces


estouna vendo pronunciando a sospeita

algo parecido á vergonza, pero non exactamente

e anegándonos o cheiro dun animal morto na cuneta

un gato se cadra

certas de que naide o enterraría

seguimos adiante

permalink | 0 comentarios