reveladorA

11.2.09

agora tu soa

Taboas
o primeiro é darlle a volta ao retrato. para que o defunto
non escoite as confesións que me inxecta, alento roto

o que me faigo inmune, por moito

que trate de levarme canda a ela

por moito, invulnerábel dentro do impoñente salón

horas en bronce, cheminea, veludos

qué pasou por detrás das cortinas

qué no fondo dos cinseiros cheos de pó

quero estar ausente

na superficie atada

só me admira a destreza coa que de súpeto

enmudece e pecha a mao para cazar
unha mosca
tamén me prenden os ollos

no saqueto que trae ben apertado

contra o peito

evitando que a traspase o frío do corredor

toquear no sofá ata ouvir
as súas zapatillas de odiosa donicela e entón
contrariala. facer que durmo. non sentir

como abre a cremalleira do estoxo dos coitelos

nin a auga caendo sobre a pedra de afiar


tenta prepararme. debulla veloz

tres técnicas de hipnose

ofréceme o seu pano enchoupado en colonia

acurtando torpemente a espiñenta distancia

e comeza a poder


-escoita o rumor desa canoa que chega

abrindo a noite

-tu non es da familia, déixame


ah pero esa voz. unha voz pel de pálpebra

ofrécese ao amparo de deuses interiores

e cae acó

desta beira queda zoando

resulta difícil deixala

desaparecer


agora que calou

accede a min


pón arrepío saber que decote vén

só por deixarme temperatura de febre alta

e un obsceno desorde na lingua

no padal


saio, voume espindo instruída

por algunha carta de navegación que ignoro

e vías do río, resoando

a última compracente lectura no sofá

trae a miña roupa ata a braña brillante

de lume no escuro, luz enchente


-deixareina así, ben estirada

a branquear

-pousa o teu fardo na ribeira

e cruza o río, agora tu
soa

permalink | 0 comentarios