reveladorA

13.10.08

Febre

Area
Eran os últimos exames, e así o acusaban as aulas cada vez máis baleiras. Coa excusa de estudar, faltábamos seguido a clase e os que aínda tiñan azos para seguir collendo apuntamentos facíano a medio gas, cun ollo no profesor e o outro doutro lado da fiestra. As feiticeiras raiolas de xuño. O vrao virxe, sen estrear. Os derradeiros temas do curso, quen os preparaba?

A terceira hora quedaramos na praia. Como outra veces, acordaramos facer as lebres para parolar e de paso para bicarnos... materia obrigatoria. Pero aquela mañá, eu tiña algo que dicirche. Marchabamos cada unha a unha cidade diferente e eu chegara á típica conclusión de que o mellor era quedar-como-amigas. Pensando en cómo anunciarcho, qué mal durmira.

Agardábasme na duna de sempre. E cando che din as maos e traguei cuspe para falar decateime de que as túas estaban extraordinariamente quentes, mesmo coma se viñeras de xogar con cera ardendo. Cos ollos extraviados, mirabas o vello camiño de madeira entre os xuncos. E falaches con voz de oráculo. "Este é o lugar, dez pasos". Eu acheguei os labios á túa fronte, nun xesto automático que vira tantas veces na casa, pero que nunca probara a facer nin sabía cómo medir. "Coido que tes febre", aventurei. "Pode ser", respondiches, sen darlle importancia ningunha. Logo subiches ás táboas e camiñaches decidida contando ata dez. Unha táboa renxeu e tu saltaches riba dela. Saltaches e saltaches ata que cedeu contigo enriba. Parecías satisfeita, e por fin miráchesme.

-Dime agora o que teñas que dicirme. Veño de atopar o eixo do meu caos. Estou a salvo, e non preciso nada máis.

permalink | 4 comentarios