reveladorA

6.9.08

Fondo e superficie (I)

Velocidade
Durante moito tempo creu na binaria e limpa división de fondo e superficie. Afeita ao medio mariño, non lle importaba somerxerse cando os membros da comunidade a requerían. É máis: amaba aquel oficio que día tras día lle ía sendo encomendado, e críase realizada e feliz no seu cotián destino. Espíase, sostiña o alento e tirábase de cabeza desde o medio da ponte, nunha acrobacia se cadra innecesariamene aparatosa.
Ás veces os turistas, sorprendidos pola súa afouteza, déixabanlle moedas onda os zapatos, e comparaban o seu chimpo co "Gran Salto" ao Neretva que os mozos de Mostar ensaiaban desde noviños. Pero a ela non a distraía a expectación nin os aplausos, porque ía ao seu. Unha vez mergullada, o mundo era xa outro e sentíase dentro, segura de poder acadar a súa misión e confortada pola oportunidade que supoñía poder entrar.
Buceaba e introducíase alí onde a vida sucedía verdadeiramente, e apousaba con delicadeza as xemas dos dedos, xa engurradas polo contacto coa auga, sobre cordas e ferros cheos de óxido, desfacendo nós e abrindo candados, intuíndo con acerto aqueles casos que lle describiran os de fóra, sempre tan inexactamente, descoñecedores do que era unha vibración interna, unha alga omarada ou un canto rodado en numeración. Coitados, pobres cegos: endexamais mirarían aos ollos a un animal moribundo, un ser abisal diametralmente oposto, que nunca tivo contacto co osíxeno nin soupo da luz solar máis que baixo o peso de litros e máis litros de auga doce. Ela era sabia e amante dese tacto líquido, acariciador. Tras o cerimonial salto sentía un arreguizo, o pálpito da paixón, o invisíbel cordón umbilical que a amarraba a esoutra vida de sangue xeado.

permalink | 1 comentarios