reveladorA

6.5.08

Azul

Vistas

Imaxina espertar e velo todo azul. Azul, nada máis que azul. Unha mirada animal, coherente, unívoca, e ao tempo plena de matices, reflexos que van desde o mariño ao índigo, do anil ao celeste. Azul como a segunda lúa chea de mes e como o grito de Juliette Binoche debaixo da auga da piscina en Bleu. Apacible e triste, aínda que non necesariamente nostálxica.
Tras axitados pesadelos -soñaches que a túa irmá se aparecía como unha virxe luminosa, que o cabelo lle chegaba até os pés e che amosaba as maos ateigadas de chagas- espertas un día así e non hai volta atrais, e desde aquela pasas a ser abrupta, ensombrecida, taciturna. Azul. Érgueste da cama coa sensación de que alguén te ten amarrada, aínda que é difícil de sospeitar porque o teu cativerio é doméstico: utiliza unha correa elástica e polo tanto cede, por se algún día che apetecese gozar duns metros de falsa liberdade.

permalink | 6 comentarios