reveladorA

5.5.08

Atlas

Bilbao
Non lle gusta ir ao cine porque Abel lle conta tan ben as películas que para que molestarse en velas. Seguramente a decepcionarían. Tampouco é amiga de viaxar porque opina que xa vai maior para andar por aí de trotamundos, así que prefire abrir o atlas ao azar e estudar ao caer da tarde como é a vida noutros lados do planeta. Son catro tomos anticuados e familiares, gastadiños como están. É curioso que nos pareza máis doado ler un libro cando xa está lido, cando outros pasaron as súas páxinas antes, dobraron as esquinas e incluso -os máis desaprensivos- o forzaron deixándoo aberto no chan, abandonados ao sono. Neste exercicio meticuloso e dadá á vez, acompañada do seu dedo índice percorre xeografía, clima, flora e fauna, costumes. Viaxa así sentada no seu confortable bambán, nun xesto de fruncida concentración que lle lembra sen querer ao seu pai, que fora mariñeiro e gostaba tamén de arrandearse na salita co atlas aberto nos xeonllos, mentres contemplaba o mundo de hemisferio sur a hemisferio norte. Cortado limpamente á metade, como un ovo perfecto.

Abel fálalle da última dos Cohen e ela entrepecha os ollos para imaxinala mellor. É tan difícil poñerlle luz ao deserto. Cando o seu amigo marcha prepara un té con leite e abre o tomo número tres. Pero antes recolle ben o pelo porque lle axudará a estar máis esperta cando amenza na selva australiana.

permalink | 2 comentarios