reveladorA

30.4.08

Norte

Biarritz

Aquel verán leváchesme de viaxe pola costa norte e en cada parada eu anotaba escrupulosamente os nomes das vilas, difíciles e escarpadas. Tu relaxábaste cando por fin soltabas o volante e podías apartar as curvas da vista, fumando con tranquilidade un cigarro. A min poñíame moi contenta poder calzar as chaparritas verdes e baixar ata o final das calas ás carreiras.

Levei o reconto día tras día, agosto adiante. Tamén describín como eran as nubes a medida que os días de calor ían marchando, e poido asegurar que nunca, ningún día, repetiron forma nin cor.

Se cadra esperaba algún sinal, a chegada dun vento frío que anunciase o outono e poder dicirche, co indicio nos beizos:

-Regresamos?

Mais nunca fun eu de natureza valente, e foime imposíbel ventar o fin, ocupada como estaba na etiquetación dos lugares. Así que cando me propuxeches volver en solitario decateime de que nas miñas palabras, nas descricións, fallaba a semántica, e por máis empeño que puxeses en lelas non serías quen de interpretalas.

Era causa dunha caligrafía obtusa ou dunhas lentes mal graduadas? Difícil orquídea.

permalink | 2 comentarios