reveladorA

30.4.08

Norte

Biarritz

Aquel verán leváchesme de viaxe pola costa norte e en cada parada eu anotaba escrupulosamente os nomes das vilas, difíciles e escarpadas. Tu relaxábaste cando por fin soltabas o volante e podías apartar as curvas da vista, fumando con tranquilidade un cigarro. A min poñíame moi contenta poder calzar as chaparritas verdes e baixar ata o final das calas ás carreiras.

Levei o reconto día tras día, agosto adiante. Tamén describín como eran as nubes a medida que os días de calor ían marchando, e poido asegurar que nunca, ningún día, repetiron forma nin cor.

Se cadra esperaba algún sinal, a chegada dun vento frío que anunciase o outono e poder dicirche, co indicio nos beizos:

-Regresamos?

Mais nunca fun eu de natureza valente, e foime imposíbel ventar o fin, ocupada como estaba na etiquetación dos lugares. Así que cando me propuxeches volver en solitario decateime de que nas miñas palabras, nas descricións, fallaba a semántica, e por máis empeño que puxeses en lelas non serías quen de interpretalas.

Era causa dunha caligrafía obtusa ou dunhas lentes mal graduadas? Difícil orquídea.

permalink | 2 comentarios

4.4.08

As cores

Farmacia

And she left in the fall, that's her picture on the wall She always had that little drop of poison Tom Waits

Resoas dentro de min coma un instrumento de vento. Aproveitas as canles máis íntimas, os circuítos e os tecidos que había tempo
e tamén os fluídos vitais

para entrar ben fondo, no caracol do equilibrio, e

quedarte.

Solimán: está ben así porque o fas a modo, porque es delicado nos golpes que se dan cando hai que dalos e onde outros mancarían tu adormeces baixo unha doce anestesia.


A punto de perder a consciencia, escoito ruído de cristais, e dentro de min sei que estás a amasarme o corazón.

Aqueloutras os cacharros da cociña; intúo que organizas as cores en tarros de confitura, mentres prometes baixiño:

-Logo falaremos das cores.


As cores. Lembro as cores: o meu absoluto amor por todas e cada unha. En ti o púrpura era esmeralda e se tocabas marelo eu vía celeste. Ah! Esfarelar o mencer en vermello azulón e logo volvernos tépedo anil. Trazarte malva de laranxa e descolocarte en gris. Que nada era fucsia fucsia nin verde verde.

Falar delas será esborrachanlas. Nada existirá despois desta septicemia que tu comezaches. Cando esperte doeranme tanto esas primarias repartidas, perfectamente postas nos estantes que os meus ollos nunca volverán a ser arco da vella, paleta infinita nos teus dedos. Xa cho digo agora: prefiro ficar cega,

tan só recordar, mergullada no pouso do teu veleno.

permalink | 1 comentarios