reveladorA

10.3.08

O fondo

Terraza
Miroume en fite: de todo aquilo que el fora quedaban os ollos, quedaba o negro, a alma esluída e o arrecendo vago da brisa que resta cando alguén nos di adeus. Ven acó, senta cabo de min. Os ollos del, xa sen as lentes. Por un momento pensei que quería escoitar da miña boca o que eu non quería dicir. Por un momento tamén quixen o augurio, escoitar xuntos a pega que canta e alza o voo, o cirio que adormenta ao baixar á beira do río en noite pecha, pronunciar un verbo de alento, quitar de enriba o fado e lavalo e tinxilo para saír con forza á vida. Quixen que tremera comigo e non que me mirara desoutro lado, pero non había máis auga que a daquel pozo fondo, os ollos fondos, o fondo da morte desexada.

permalink | 3 comentarios