reveladorA

17.1.08

Far west

Far West
Nin sequera facía falla que me levaras tan lonxe para deslumbrarme. O deserto de Almería teríame valido de sobra. Paisaxe lunar, western, unha vinganza. O ceo amarelea por enriba de nosoutras, que camiñamos dereitiñas ao saloon.

Entramos con paso decidido e facemos abanear as portas ao máis puro estilo cowboy. Sen importarnos o que poida pasar ás nosas costas, porque sabemos en que decisivo momento debemos apuntar. As nosas esporas de prata enlamada relocen de súpeto nos vasos de cervexa e nas meniñas dos clientes.

Ao saír abaneamos as portas de novo. É o único aire que se sinte a esa hora en punto.

A morte tiña un prezo e tu acendes o teu puro a medio fumar nas fogueiras que imos atopando. Aínda sabendo que as fogueiras son trampas mortais, escuros símbolos, vellos trucos de alguén que non che quere ben.

Agora asubío e sei montar a cabalo. Tamén lle saquei proveito a iso de tirar o lazo que se pecha no aire, o nó perfecto que todo o consegue atrapar.

permalink | 4 comentarios