reveladorA

27.7.07

Lasitude

Folla
Deslízaste lánguida e feita de follas outonizas probas o verán coa punta do pé. Está frío. Pero queres saír do letargo e estirar as pernas, activar a circulación. Ah, alí o ceo, recordas, mirada cenital. Corres ata as rochas que delimitan, e afúndeste en auga de límites. Recobras un sabor acedo, os piñeiros resplandecentes, a historia da cidade afundida, a lenda da campá que soaba debaixo e o día en que chegou o mostro mariño. Este é o reverso, a vila pobre. Do outro lado, criaturas albinas demoran o seu tempo contado en números de area e líquidos que saen cando estoupa a polpa da terra. Asómaste á superficie, e pensas, felizmente cansa: fogar, e bocexas gorentando xa os colchóns de folla de millo, e partes cara o teu minifundio, tan amado.

permalink | 1 comentarios

3.7.07

As cordas

Pedra
Contra as cordas, dixo, gústame contra as cordas. O malentendido puido ter a súa orixe naquela estúpida declaración de principios, que eu non souben, ou non quixen, interpretar. Ou mellor dito: que eu non souben coller tal e como chegou aos meus ouvidos. Pois non se refería a un propósito, nin á perfecta tensión, nin á estética disuasoria que me faría mirar para ela cos ollos arregalados. Era pura sinceridade, metáfora oca. Nestes lindes un equilibrista non se poñería a andar na corda frouxa para expresar a súa angustia vital; tampouco un mariño falaría de facer augas, nin da boca dun títere sairía a pregunta quen me manexa?.

Nin claves, nin alegorías, nin dobres sentidos.

Queríame contra as cordas, con crueza de esparto, con amor inequívoco de no e serpes petrificadas sobre o meu corpo. Contra as cordas, e as propias cordas vocais esgazadas polo berro acolchado da sorpresa e o terror.

permalink | 1 comentarios