reveladorA

18.4.07

Predicción climática

Veneciana

"Los chinitos de la China
cuando no saben que hacer
tiran piedras a lo alto
y dicen que va a llover"
Canción infantil

Cando non teño que facer miro a predicción meteorolóxica. Tamén pode ser que faiga isto xusto cando máis apuro de traballo teño. Faime ilusión pensar que desde esa posición matemática e gris que supón mirar as máximas e as mínimas e cuantificar as nubes e os despexados poido programar as miñas próximas horas. Organizar unha fuxida á praia e espreitar o verán, porque chega o calor. Saborear unha tarde de sofá e leituras porque dan chuvia para todo o día de mañá, que é sábado. Abrir as ventás por se acaso o torbón chega de súpeto e non quero perdermo. Tamén me gusta moito a predicción marítima, cos seus ventos do nordés, os mares de fondo e as visibilidades, tan útiles para coller o coche e ir ata o último faro. Se tivera coche e soubera o camiño do faro, seguro que iría. Por iso me encanta que haxa moitos variábeis debaixo dos mapas e así poder imaxinar o que será. Que me deparará o clima hoxe? Parezo un pouco parva, xa sei. Porque logo non faigo nada do que planeo. Pero teño as contras da casa semipechadas e eu decido cando as quero abrir, a medida que esperto e despego as pálpebras.

permalink | 2 comentarios