reveladorA

14.3.07

Acuario

Aeroporto
Todas as persoas estamos dentro, conformes, quedas. Nun adverbio que se cre absoluto e nada indica. Porque non vivimos nun país nin atravesamos fronteiras, tampouco vamos a emprender o camiño do bosque de cervos inmortais onde hai faias que agochan os amantes durmidos doutra época.

Que fermoso azul cobalto, digo. Pero tu non te conformas con mirar, en ti a curiosidade é tan só o comezo do desexo que vai tomando forma. O chan está frío de máis para deitarse a contemplar as estrelas a través do cristal, que aburrido. Es da opinión de que hai que reaxir. Porque isto é demasiado pouco, demasiado pouco para ter un papel protagonista. Están os figurantes, está o coro, os do atrezzo e o vestiario, e logo están as que son coma ti, peza de imán puro, escapista extraordinario. Que regresaches despois de escoitar a serea dos farallóns para contárnolo subida a un arrecife, mirade, sen maos.

Namentres, aquí seguimos os demais, dentro, e algúns, os que somos de natureza caprichosa, agora que estamos no acuario pensamos con nostalxia no parque da nosa urbanización, aquel que ten unha rocha con forma de tartaruga.

E aínda volves e poste diante nosa e mírasnos cun aquel de condescendencia. E todos, ou algúns, o pensamos antes, pero só tu eres quen de pronunciar:
tartaruga

permalink | 3 comentarios

9.3.07

As cartas

Macetas
Escribíralle centos de cartas de amor que escondera concienzudamete dentro das macetas do muro que acompañaba o carreiro ata a igrexa. Só el sabía as pistas que o levaban ata as súas palabras. Algunhas ían seladas cunha gotiña de sangue que extraía das palmas das súas propias maos, para darlle máis veracidade aos seus escritos. Cando el a deixou seguiu a escribirlle en secreto para curar a pena, sen importarlle que non chegasen nunca ao seu destinatario, entretido xa noutra tarefa amatoria. Comezou a esconder os papeis do seu desamor dentro dos bonecos de peluxe do cuarto, que descosía e volvía a coser, segura de que naide as atoparía. Algunha caeu tamén para sempre dentro das caracolas Recuerdo de e os porróns tan bizarros que coleccionaba a avoa, ordenados de maior a menor na repisa da lacena.
Os amores dos recreos esquécense rápido e os desmaios adolescentes van pasando á experiencia, e fainos graza comprobar como cambiou aquel rapaz que nos facía morrer cada vez que respiraba ao noso lado. Sen embargo, del nunca se puido olvidar porque sabía que pola casa quedaba aínda algunha desas probas indelebles da súa paixón, absurdas latexando nalgún recuncho da casa, esquecidas no estómago do seu osiño preferido, xa cego, no desván, ou ecoando no bruar silencioso dalgún marítimo recordo.

permalink | 1 comentarios