reveladorA

26.2.07

Viaxe

Arbores
Hoxe volvemos tarde e quedei durmida no asento de atrás do coche. Creo que soñei algo, pero non lembro o que. Regresou a min esa sensación da infancia de durmir como unha pedra cando volvíamos da nosa viaxe anual á capital da provincia: cita co oculista e inevitábel visita a Alcampo. Con que placidez me relaxaba no asento de atrás do noso Peugeot 205, pegada á miña irmá, que durmía tamén, despois de pelexarnos por ver cal das dúas tiña máis espazo. Antes de quedarme frita danzaban na incompleta escuridade as últimas horas na superficie comercial: mamá enchía o carro de infinitas latas de tomate triturado, papá perdíase por corredores sen ningún interese para nós e a miña irmá e máis a min o único que nos importaba era que nos mercasen croissants quentes. Ao chegar a casa papá collíanos no colo para levarnos á cama. Por suposto que espertábamos co ruído da porta do garaxe, pero como renunciar a esa solemne subida en brazos polas escaleiras. Despois mamá espíanos e púñanos o pixama, tan frío. A cama estaba conxelada tamén, pero envolvíanos unha estraña e morna felicidade familiar, que a min se me truncaba un minuto antes de apañar o sono outra volta, ao lembrarme de que un ano máis me aumentara a miopía.

permalink | 6 comentarios