reveladorA

14.3.07

Acuario

Aeroporto
Todas as persoas estamos dentro, conformes, quedas. Nun adverbio que se cre absoluto e nada indica. Porque non vivimos nun país nin atravesamos fronteiras, tampouco vamos a emprender o camiño do bosque de cervos inmortais onde hai faias que agochan os amantes durmidos doutra época.

Que fermoso azul cobalto, digo. Pero tu non te conformas con mirar, en ti a curiosidade é tan só o comezo do desexo que vai tomando forma. O chan está frío de máis para deitarse a contemplar as estrelas a través do cristal, que aburrido. Es da opinión de que hai que reaxir. Porque isto é demasiado pouco, demasiado pouco para ter un papel protagonista. Están os figurantes, está o coro, os do atrezzo e o vestiario, e logo están as que son coma ti, peza de imán puro, escapista extraordinario. Que regresaches despois de escoitar a serea dos farallóns para contárnolo subida a un arrecife, mirade, sen maos.

Namentres, aquí seguimos os demais, dentro, e algúns, os que somos de natureza caprichosa, agora que estamos no acuario pensamos con nostalxia no parque da nosa urbanización, aquel que ten unha rocha con forma de tartaruga.

E aínda volves e poste diante nosa e mírasnos cun aquel de condescendencia. E todos, ou algúns, o pensamos antes, pero só tu eres quen de pronunciar:
tartaruga

permalink | 3 comentarios