reveladorA

21.1.07

Única

Praia
Pero non berres os seus ollos, acaso queres que alguén máis os coñeza? Dilles que é unha visita agradábel, que pronto marchará, nuns días. Pasouche algunha vez que quixeches estar soa nun concerto, ou no cine. Soamente para ti as cancións e os títulos de crédito. Sucedeu, admites, que desexaches un país onde ser a única posuídora dun cofre emocionante, dunha caixa de pandora moi en silencio. Non era egoísmo, era pura paixón. Así que agora, tamén, cala, porque de nomeala iríase contra o mediodía, agochada no furgón das señoras que venden o peixe na praza. E ademais, que máis queres? Tes na língua un único sabor a chocolate, tes nun papel dentro dun sobre o seu truco de maxia, o que fai que se che dobren así de fácil os xeonllos. Así que non o leas en alto, non o compartas nunca.

permalink | 4 comentarios