reveladorA

22.12.06

O hipnotizador

Parada
Mirábame fixamente nas paradas, cando o guía sinalaba un punto ao lonxe e todos xirábamos as cabezas para atender á explicación. El non se inmutaba ante unha illa ou unha estatua esculpida en rocha, só clavaba os ollos no meu pescozo, invadíndome cunha calor nerviosa que me rubía polo corpo mentres axustaba o volume dos cascos que traducían a explicación do guía. Non entendía esa insistencia xugular, nin tampouco por qué ese home pagara o prezo esaxerado do percorrido en barco para abordarme: se quería ligar comigo ou dicirme algo podía esperar a miña chegada ao peirao. A medida que pasaban os minutos a voz do guía soábame máis lonxe e a traducción en estéreo menos comprensíbel, de xeito que uns ollos negros acaparaban toda a miña atención. Nun momento, aloulada, confundín ollos con boca e dentro da boca atopei unha minúscula ringleira de dentes afiados de marraxo. Cando o motor parou e os pasaxeiros entraron en pánico a min só me importaba que el me collera para salvarme ou me levase mar adentro, que máis tiña xa.

permalink | 0 comentarios