reveladorA

29.12.06

Dereito a hotel

Hotel Metropole
Viviría sempre en hoteis con dereito a cociña para poder facerche tartas de chocolate. Os cociñeiros dos hoteis serían amigos meus e deixaríanme meter o nariz nos seus fogóns, e levaría sempre botes de ourego e ramas de vainilla e coco rallado nos petos por se lles fixesen falta. Tamén caramelos de té para os nenos que xogan aburridos na recepción. Tu agardarías medio durmido na suite a que entrase coa mesa camilla e o seu correspondente almorzo continental -con dereito a tarta de chocolate-. Que bonita ocupación facer as maletas a mediodía e marchar a outro hotel, sempre cos petos repletos de condimentos e especias para dar sabor e consolar. E a miña receita máxica con chocolate para cando te asaltase a tristeza de non ter un fogar, de gozar dunha vida menos nómade. Quizais ao chegar a Venecia me mirarías dubitativo por se ese era o lugar onde ficar dunha vez. Sentados na Piazza San Marco entraríanos un cansazo antigo e preguntaríamonos se sería posíbel vivir nunha praza con dereito a hotel.

permalink | 1 comentarios