reveladorA

30.11.06

A cabana

Cabana

Aquel verán pasámolo traballando arreo para reconstruír a cabana. Non se trataba só de ter un sitio onde as nosas irmás pequenas puidesen xogar ás casiñas, senón de construír un refuxio, unha trincheira, un lugar por se acaso algo pasase e, chegado o momento, houbese que agocharse alí.

Cada tarde unha das tres levaba algo que nos serviría para a nosa supervivencia: un coitelo de mesa, unha restra de allos, aceite, unha garrafa de auga. Como formiguiñas, Alexia, Eva e máis eu íamos amoreando as mercancías que roubabamos nas nosas casas sen que ninguén o soubese. Fregamos e quitamos silvas e toxos en xullo, en agosto pintamos e en setembro aprendemos bricolaxe e carpintería de urxencia para que o noso refuxio tivese máis forma de fogar. Todo en absoluto secreto, en silencio, ocultando os nosos plans ás compañeiras de clase e aos veciños que xogaban con nós despois de comer.

A principio de outubro concertamos unha cita-proba. Tras dar as boas noites aos nosos pais sairiamos da casa e atopariámonos na caseta. E durante tres ou catro días tratariamos de vivir alí, non máis porque eramos rapazas aventureiras pero prudentes e non era cuestión de alarmar á familia. Despois, xa se vería. A media noite baixei as escaleiras e escoitei un tenue silbido. Alexia esperábame cun sorriso contaxioso. Unha lúa de leite protexíanos. Camiñamos en silencio cara a nosa cabana. Nerviosas. A min cada vez me apetecía menos quedar a durmir no refuxio, pero non dixen nada porque me convencín que unha vez alí nós as tres estaría encantada. De súpeto, contra os abruños da ría, vimos dúas sombras movéndose. Aguzamos a vista. Eran Eva e Artur, sen dúbida. Estaban moi xuntos, case abrazados. E ela non parecía ter présa ningunha por chegar á nosa cita. Máis ben todo o contrario. Falaban en baixiño e rían. Mentres nos invadía unha rabia inusitada -quizais o primeiro enfado forte cunha amiga- cremos oír o ruído duns remos entrando na auga. Eva tiña outra cabana, unha cabana de mar. Pero todo apuntaba a que esta non a compartiría con nós. E a outra, a outra nunca a dimos estreado.

permalink | 5 comentarios