reveladorA

24.11.06

A barca

Nasa
Quen non imaxinou algunha vez que a súa cama era unha barca. Nosoutras tamén tiñamos o noso fráxil territorio no mar que dan as sabas e a escuridade. O edredón atábase á cabeceira da cama polas puntas, con dúas gomas do pelo, e así xogabamos a sobrevivir fronte a un mar de crocodilos, crocodilos famentos que eran MOI perigosos, tanto que non podíamos quitar os pés por fóra da lancha, porque nos roerían de inmediato.

Niso consistía a nosa existencia, en non sacar os pés por fóra NUNCA. Eu facía o almorzo, o xantar e a cea cos froitos mariños -pequenos cangrexos, caramuxos, peixiños despistados- que ás veces entraban nunha nasa cativa que tiñamos atada á proa. A filla comía todo sempre sen rechistar. A filla nunca daba problemas, pero o mar, o mar era atlántico e salvaxe. De cando en vez viña unha onda case tsunami e arrastrábanos moito, en espiral, en centrifugado. Ás veces eu perdía de vista á filla, que rozaba as fauces dos impoñentes e negros crocodilos e a min, a mai, dábame nun ataque de pánico.

Pero sempre conseguía recuperar a filla, e volvíamos á nosa branda lancha, e non había un minuto de quietude pero eramos felices no calor, agochadas dentro do estoxo que sabíamos branco pero víamos negro, e ao lonxe as regañas de luz por onde entraba a mañá e empezaba a ulir a torradas con mantequilla e tona e colacao. Porque tiñamos medo si, pero eramos incapaces de empezar o día sen torradas.

permalink | 3 comentarios