reveladorA

27.10.06

Desexo

Verán
Entón descubriu na meniña dereita dela o seu propio reflexo desexándoa. O capricho comezara ben abaixo, preto dos xeonllos, e parecíase á tontería suave da terceira copa dun rioja afrouxándolle as pernas. Daquela o desexo subira xa ata o ventre para facerse poderoso, palpable, coa forma dunha masa de aire quente fluíndo ata os pulmóns, empurrando o seu ritmo cardíaco até a boca. Unha vez arriba, palpou cos ollos os seus beizos de pexego, e aspirando con ansiedade o fume do cigarro que saía desa boca que a derretía, subindo como un caracol de auga polo seu nariz contestatario, chegou ás meniñas: primeiro recreouse na esquerda, logo na dereita, para caer finalmente rendida no centro do seu ollar tobogán.

Parecía agora que o desexo se convertera noutra cousa, nunha caste de estraña comunión, nun silencio cómplice, nun salto xuntas cara algures. Sentíase case dentro do seu corpo cando, de súpeto, alí, nun diminuto espello, atopouse outra volta coa imaxe pura da apetencia.

E tivo medo, moito, dos camiños que aínda podería tomar ese desexo.

permalink | 4 comentarios