reveladorA

24.11.06

Paraugas

Fachada
Percorrer a Caldeirería na procura do paraugas máis grande que atope, mercalo, saír da tenda en hora punta -os papás que lle dan merenda aos nenos, os estudantes que saen, os turistas que preguntan, as señoras citadas nos cafés de sempre, os que saíron a facer recados, os que pasean-, dar uns pasos ata situarme ben no medio e medio da rúa e moi lentamente abrir o paraugas -marabillosa tela vermella sen estampado ningún, dezaseis variñas de aceiro, eixo negro, puño de madeira- e quedarme aí parada mentres chove a cachón, escoitando os improperios dos transeúntes. Que gran felicidade ser un obstáculo, facer algo útil esta tarde, atropellar xente e eu sen inmutarme porque dentro deste círculo vermello parouse o tempo e todo é redondo, e nel quedan ancoradas as présas dos demais, as súas ansias de liña recta, o seu camiñar cara un punto definido. Lástima que non saiban aínda canto me teñen que agradecer.

permalink | 4 comentarios