reveladorA

23.10.06

A Casa das Reveladoras

Tellado
Estaban de acordo en que debían comezar a casa polo tellado. Pero antes de poñerse maos á obra, preguntaron a veciños e amigos qué material sería o axeitado. Os ladrillos parecíanlles vulgares de máis, a pedra sairíalles moi cara, pero tampouco a lousa –demasiado clásica, dicía unha-, fúnebre, -protestaba a outra-, as convecía.

E así, discutindo sobre que decisión tomar, foi como coñeceron ao Delineante. Pasou por diante delas nun sospiro, xusto cando o semáforo se poñía en verde para darlle paso a un deses anxos de silencio que gostan de deambular á tardiña. Antes de que unha poidese pronunciar a manida frase -ha pasado un ángel-, ou no límite da paciencia da outra -unha pola outra e a casa sen barrer-, xa o delineante trazara áxil no seu caderno de aneis a estrutura da casa, e nun abrir e pechar de ollos, o inventario dos materiais necesarios.

Un ano despois os seus ollos albiscaban a tan ansiada Casa das Reveladoras. O 24 de outubro rachaban unha botella de cava contra o portal do seu fogar, e foi ao remate da primeira copa, cansas e felices, cando consideraron -sen sabelo, as dúas á vez- a idea de tirar a Casa pola ventá.

permalink | 7 comentarios