reveladorA

15.11.06

As nutrias

Alameda

No estanque da Alameda vive unha familia de lontras. Dúas adultas e dúas pequechas. As lontras viven permanentemente agochadas, saben que se o garda do parque as ve, serían delatadas e viría unha furgoneta a por elas. A nós contóunolo Miguel, que unha noite foi correr ao parque e as viu de esguello. Claudia pregúntame por que escolleron o estanque para vivir, se son salvaxes. Eu dígolle que viñeron nadando polo río, pero non sei. Paréceme que estas lontras son curmás do oso das cañerías que leramos na clase, no libro de estudiar máis chulo que tiven nunca.

-Estas lontras son curmás do oso das cañerías e teñen unha misión secreta. Escorregan silandeiras polos caños e limpan os sumidoiros cando non chove.

Claudia queda convencida e esfarela un cacho do seu bocadillo sobre a tona da auga.

-Para cando volvan de traballar, di.

Creo que a dieta das lontras é outra, pero non me atrevo. Estas, polo seu oficio, seguramente xa probaron o salchichón.

permalink | 5 comentarios