reveladorA

27.10.06

Desexo

Verán
Entón descubriu na meniña dereita dela o seu propio reflexo desexándoa. O capricho comezara ben abaixo, preto dos xeonllos, e parecíase á tontería suave da terceira copa dun rioja afrouxándolle as pernas. Daquela o desexo subira xa ata o ventre para facerse poderoso, palpable, coa forma dunha masa de aire quente fluíndo ata os pulmóns, empurrando o seu ritmo cardíaco até a boca. Unha vez arriba, palpou cos ollos os seus beizos de pexego, e aspirando con ansiedade o fume do cigarro que saía desa boca que a derretía, subindo como un caracol de auga polo seu nariz contestatario, chegou ás meniñas: primeiro recreouse na esquerda, logo na dereita, para caer finalmente rendida no centro do seu ollar tobogán.

Parecía agora que o desexo se convertera noutra cousa, nunha caste de estraña comunión, nun silencio cómplice, nun salto xuntas cara algures. Sentíase case dentro do seu corpo cando, de súpeto, alí, nun diminuto espello, atopouse outra volta coa imaxe pura da apetencia.

E tivo medo, moito, dos camiños que aínda podería tomar ese desexo.

permalink | 4 comentarios

25.10.06

As cortinas

Cortinas
Buscaría un lugar morno e cercano, un oco onde agocharse tranquilamente durante toda a tarde, e quizais durante parte da noite. O tempo que fose necesario ata que chegase O Momento. Resgardaríase na bañeira da casa, espida e envolta no bafo da auga quente, nunha saudosa intemperie, tras esas cortinas de cores semitransparentes que tanto lle gustaban de cativa.

Coas unllas levantou os tres peixiños de plástico que había moitos anos súa mai pegara no fondo para que non esvarase, e cun xeonllo tirou a xaboneira á auga para montar o seu pequeno acuario. Como xogan os nenos cando os bañan. Estaba case segura: co pelo envolto no seu champú favorito e infinitas burbullas alfombrándolle a pel, coas gotiñas que a billa lle deitaba suavemente na punta das dedas todo resultaría máis doado.

permalink | 5 comentarios

23.10.06

A Casa das Reveladoras

Tellado
Estaban de acordo en que debían comezar a casa polo tellado. Pero antes de poñerse maos á obra, preguntaron a veciños e amigos qué material sería o axeitado. Os ladrillos parecíanlles vulgares de máis, a pedra sairíalles moi cara, pero tampouco a lousa –demasiado clásica, dicía unha-, fúnebre, -protestaba a outra-, as convecía.

E así, discutindo sobre que decisión tomar, foi como coñeceron ao Delineante. Pasou por diante delas nun sospiro, xusto cando o semáforo se poñía en verde para darlle paso a un deses anxos de silencio que gostan de deambular á tardiña. Antes de que unha poidese pronunciar a manida frase -ha pasado un ángel-, ou no límite da paciencia da outra -unha pola outra e a casa sen barrer-, xa o delineante trazara áxil no seu caderno de aneis a estrutura da casa, e nun abrir e pechar de ollos, o inventario dos materiais necesarios.

Un ano despois os seus ollos albiscaban a tan ansiada Casa das Reveladoras. O 24 de outubro rachaban unha botella de cava contra o portal do seu fogar, e foi ao remate da primeira copa, cansas e felices, cando consideraron -sen sabelo, as dúas á vez- a idea de tirar a Casa pola ventá.

permalink | 7 comentarios