reveladorA

15.4.07

Empeño

La Défense
Ela quería deixar a súa pegada dentro dos mellores recordos. Como queda anotado nun caderno de viaxes aquel paseo en góndola, a fotografía das cerdeiras florecidas en Central Park ou a visión afortunada dunha aurora boreal. O sabor do te e as laranxas de Suzanne, chegadas desde a China, iso quería ser. Unha odisea inesquecíbel. E así se aplicaba en restar iris de anís, chocolate derretido en cada encontro, por máis que fugaz. Porque de ningún modo podía volver a deixarse ver: beleza e instante estaban consagradas á eterna inmanencia. En serio: nunca volvía aparecer. As maos que a acariciaran e os padais nos que estivera non podían esquecer a súa efervescencia, que se tornaba auga a medida que pasaba o tempo e o seu recordo quedaba convertido, inevitabelmente, nun rumor tristísimo de chuvia e cristal.

permalink | 6 comentarios