reveladorA

31.5.10

Sabes quen son?

Vrao
Cre que me fala de cousas, que me abre a porta do mundo, pero en realidade só fala de si mesma. Todo o puto tempo: ela. Non se inmuta cando lle traen unha cocacola en vez da cervexa que pediu. Non sinte o frío cando os dous da mesa do lado se poñen a chaqueta á vez. Nin lle fai graza: a min si. Non hai alteración discursiva cando me opoño aos plans que ela formula pois foron concebidos para-compracerme, explica. Basura. As dúas sabemos para quen son esas citas, esas viaxes, esas aventuras. Para o seu insoportable solitario goce. Négome a escoitar máis. Póñolle obstáculos para cansala: tuso escandalosamente, cambio de tema, propoño unha película. Que teño fame e sono. Pago as consumicións. Abro a boca seguido. E ela veña a falar, falsamente apelándome segue a enrodelarse, autocentrada continúa a definirse desde un atril alto e transparente. Transportada a un agocho no polo norte ao cal non acudirei, porque xa non me queda a máis mínima ansia por ir a rescatala. Na súa enaxenación fai do meu silencio un xesto de fascínio. Eu xa non oio a súa voz, non sei o que está dicindo, escoito darbukas eternas, percibo o mesmo ritmo cansino dos rapaces que as percuten no parque nas tardes de vrao. Recoñezo a arcada sutil que me invade e quero irme. Erguereime de aquí e tu seguirás co teu rollo e non te vas a enterar de que xa non estou. Hai tempo que deixei de existir para ti. Sabes quen son, acórdaste de min? Atende só agora: marcho para non desaparecer, para que non me aniquiles por completo.

permalink | 5 comentarios